O BNG de Ourense denunciou que o Concello mantén unha débeda de 14 millóns de euros coa empresa concesionaria do transporte público municipal.
Esta situación, segundo a formación nacionalista, evidencia a «mala xestión» do alcalde Gonzalo Pérez Jácome e compromete a continuidade do servizo.
O portavoz e candidato do BNG, Luís Seara, asegurou que o transporte urbano continúa prestándose «en precario» mentres o Concello acumula unha elevada débeda coa concesionaria.
O BNG denuncia unha débeda de 14 millóns co bus urbano de Ourense
Segundo explicou, esta situación repítese no tempo, lembrando que en 2024 o Concello tivo que aboar máis de 16 millóns de euros por pagamentos pendentes, dos que arredor de 2 millóns correspondían a xuros de demora.

Seara afirmou que, apenas ano e medio despois, a débeda volve alcanzar os 14 millóns de euros, o que cualificou de «auténtica sangría» para as arcas municipais.
Desde o BNG acusan a Jácome de levar o Concello a un «colapso económico sen precedentes» e lembran que levan anos advertindo da existencia dunha débeda «oculta«. A formación sostén que as súas denuncias foron confirmadas polos feitos e considera que a situación financeira segue agravándose.
Críticas á licitación do servizo
Os nacionalistas tamén cuestionan a xestión do proceso de licitación do transporte urbano. Segundo indican, os problemas acumulados durante a tramitación provocan que a concesión continúe en precario, o que, ao seu xuízo, xera sobrecustos económicos e repercute negativamente tanto na calidade do servizo como nas condicións laborais do persoal.
O BNG reclama ao alcalde explicacións e solucións inmediatas, ao tempo que responsabiliza tamén aos grupos políticos que, segundo a formación, facilitaron coa súa actuación ou inacción a actual situación económica do Concello.
Apoio ao persoal
Luís Seara trasladou tamén o apoio do BNG ás traballadoras e traballadores do servizo de transporte urbano. Segundo afirmou, o persoal leva anos soportando cambios nas liñas, incumprimentos de promesas e, agora, unha situación de incerteza que tamén afecta aos seus salarios.

