Colaboraciones

O libro que recomenda Jorge Emilio Bóveda

O libro que recomenda Jorge Emilio Bóveda, escritor, ten para el un significado especial.

Con motivo do Día Internacional do Libro 2022, Ourensenarede solicitoulle que nos recomendase un libro e nos mostrase unha pincelada do que atoparíamos na súa lectura.

O libro que recomenda Jorge Emilio Bóveda

Jorge Emilio Bóveda

«So ficarán cinzas en algures» de Toño Guede

É unha novela ambientada na cidade de Ourense, encadrable no xénero policial inda que tamén teña trazas de novela negra en canto non se centra tanto na investigación policial tras varias mortes acaecidas ao longo da trama como no ambiente despersonalizado e gris da cidade de Ourense. Unha cidade onde nunca ocorre nada (ata que ocorre).

O libro que recomenda Jorge Emilio Bóveda
Só ficarán cinzas en algures

A ambientación está tan traballada que semella un personaxe máis, coa estulticia aboiando nesta Auria que nos aperta indolente e/ou nos abafa sen contemplacións mirando fría sempre dende unha distancia considerable.

É que neste libro de Toño Guede, a pesar de ter unha trama que seguir que nos amosa as miserias das relacións humanas de distintas ánimas aboiando nun devir incerto, o importante é Ourense, cos seus recunchos recoñecibles e grises e unha atmosfera que, por momentos, fai incluso que o lector sinta frío e desacougo por mor das propias inclemencias descritas na historia.

O final, que non quixera desvelar, foime moi propicio porque non é o arquetípico das historias policiais. Un final que lembra ás películas do cinema negro americano propios da corrente do hard boiled.

Unha lectura altamente recomendable, sen dúbida, e máis para as persoas que deambulamos a diario pola cidade de Ourense.

Jorge Emilio Bóveda, escritor.

Publicaciones relacionadas

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Botón volver arriba