O centenario do Camiño de Nós reuniu esta mañá en Ourense a representantes institucionais e culturais no descubrimento dun fito de pedra que lembra o punto de partida da histórica peregrinación realizada hai cen anos polos integrantes da Xeración Nós.
O acto, organizado pola Fundación Insua dos Poetas coa colaboración do Concello de Ourense, a Deputación Provincial, a Xunta de Galicia e as fundacións Otero Pedrayo e Vicente Risco, enmárcase no Ano Oteriano, declarado polo Parlamento de Galicia para todo o 2026.
Ourense conmemora o centenario do Camiño de Nós
A cerimonia consistiu no descubrimento dun fito de pedra. Este está situado na confluencia das rúas Curros Enríquez e José Ángel Valente, xunto á entrada da Ponte Nova. Desde ese lugar partiron o 8 de xullo de 1926 Vicente Risco, Lois Feixoo, Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas, Antón Sánchez, Alfonso Vázquez Monxardín e Xavier Pardo para percorrer o histórico Camiño de Nós. Estes seguiron o antigo camiño medieval dos Arrieiros ata Santiago de Compostela, atravesando unha ducia de concellos.

No acto participaron o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome; o presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luis González Tosar; o representante da Deputación Provincial, Rosendo Fernández; e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.
Un pobo non se define só polo territorio que habita
Durante a súa intervención, Manuel Pardo destacou o significado simbólico da ruta emprendida pola Xeración Nós. O delegado territorial afirmou que aquel percorrido converteuse nunha metáfora dunha Galicia que «quería dialogar co mundo sen deixar de ser ela mesma; unha nación de cultura que entendía que a universalidade só é posible desde a raíz«.
Pardo asegurou ademais que a Xeración Nós ensinou que «un pobo non se define só polo territorio que habita, senón pola cultura que crea, pola lingua que fala e pola memoria que é capaz de transmitir«. Tamén incidiu en que os seus integrantes crían «nunha Galicia aberta ao mundo, europea por vocación, pero fondamente enraizada na súa terra«. Concluíu que ese legado continúa vixente e representa «o espírito que hoxe queremos convocar ao descubrir a pedra inicial deste Camiño Nós«.
Pola súa banda, Gonzalo Pérez Jácome felicitou aos promotores da iniciativa, aínda que aproveitou a súa intervención para lamentar a «salvaxe discriminación de Ourense«. O rexedor apoiouse na evolución demográfica da provincia para afirmar que, mentres España gañou poboación e Galicia se mantivo estable, Ourense perdeu máis do 20 % dos seus habitantes nos últimos 30 anos.
«Ourense é a cincenta de Galicia e de España, e estou convencido de que a Xeración Nós, ademais da súa loita polo galego e por Galicia, tamén incluiría a loita pola non discriminación da provincia de Ourense», manifestou o alcalde.

