O Concello de Ourense presentou este mércores os resultados do proxecto «Ourense termal, verde e dixital», unha iniciativa que permitiu modernizar a xestión do ciclo integral da auga mediante a implantación de novas tecnoloxías e sistemas de control intelixente.
O investimento ascendeu a 4,5 millóns de euros. A financiación foi asumida nun 80% polo Goberno de España a través dos fondos Next Generation UE e nun 20% polo Concello.
Ourense culmina a dixitalización do ciclo da auga
O acto celebrouse na EDAR de Reza coa presenza do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, o concelleiro de Obras Públicas, Francisco Lorenzo, o subdelegado do Goberno, Eladio Santos, e representantes das empresas Veolia e Plexus Tech, responsables da execución do proxecto.

Entre as actuacións máis destacadas figura a substitución de máis de 6.500 contadores por equipos de telelectura. Este permiten controlar o consumo en tempo real e detectar fugas con maior rapidez. Ademais, a rede municipal de abastecemento foi sectorizada en 40 sectores independentes, mellorando o control dos caudais, presións e da calidade da auga.
No ámbito do saneamento, o proxecto incluíu a dixitalización das estacións de bombeo, tanques de tormenta, puntos de vertedura e das sete depuradoras municipais. Todas elas estarán conectadas a un centro de control situado na EDAR de Reza, desde o que se supervisa o funcionamento do sistema en tempo real.
Presentación dos resultados do proxecto de dixitalización do ciclo integral da auga na EDAR de Reza, en Ourense
A actuación tamén incorporou medidas de sustentabilidade, como a instalación dunha planta fotovoltaica na depuradora de Reza, sistemas para producir auga rexenerada destinada á limpeza viaria e á rega de zonas verdes, así como unha rede de estacións meteorolóxicas para anticipar episodios de seca ou inundacións. O proxecto complétase cunha plataforma dixital que permitirá á cidadanía consultar información sobre a rede e comunicarse co servizo municipal.
Durante o acto, Gonzalo Pérez Jácome puxo en valor o apoio económico do Estado. Asegurou que «a tecnoloxía aplicada ao ciclo da auga é altamente rendible para os cidadáns e para a contorna». Ao tempo, lamentou a ausencia de financiamento da Xunta neste tipo de programas.
Pola súa banda, Eladio Santos salientou que o proxecto contribúe a mellorar a xestión dun recurso «cada vez máis escaso, máis valioso e sempre necesario». Francisco Lorenzo destacou que esta actuación supón un paso previo á futura renovación integral da rede municipal vinculada á nova concesión do servizo.

