O Concello de Ourense proporá á Sociedade Mercantil Estatal Paradores de Turismo de España transformar a antiga prisión da rúa do Progreso e a Casa de Baños nun Parador Nacional de Turismo.
A proposta, impulsada polo alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, contempla a creación dun pequeno establecemento de carácter boutique, con vinte habitacións, aproveitando a singularidade dos inmobles e a súa proximidade á zona termal.
O Concello ofrece a Paradores a antiga prisión e a Casa de Baños
O Concello aposta por vincular o futuro Parador ao termalismo ourensán e destaca a localización do complexo como un dos seus principais atractivos. Segundo Jácome, a iniciativa permitiría recuperar os edificios e incorporalos á rede turística estatal.

A fórmula proposta mantería a propiedade municipal dos inmobles. O Concello cedería o seu uso durante 75 anos a Paradores, que asumiría a rehabilitación e posterior xestión do establecemento.
O alcalde defende que a incorporación á rede permitiría aproveitar os canais de promoción, comercialización e reservas de Paradores, así como atraer visitantes que xa utilizan esta rede de establecementos singulares.
“Ourense non pide unha subvención: ofrece ao Estado un proxecto”, afirmou Jácome, que resume a proposta en catro elementos: un edificio con historia, unha contorna singular, a rede turística nacional e unha nova vida para o complexo.

