PP, PSOE e BNG esixen solucións pola paralización da Avenida de Portugal tras presentar unha moción conxunta de urxencia ao pleno extraordinario do Concello de Ourense convocado para o luns 30 de marzo.
Os tres grupos da oposición reclaman ao alcalde explicacións e medidas inmediatas ante a situación que afecta a un dos principais eixos da cidade.
PP, PSOE e BNG reclaman medidas inmediatas na Avenida de Portugal
Segundo trasladan as formacións políticas, a paralización das obras está a xerar un escenario de deterioro urbano e social, con impacto directo na calidade de vida da veciñanza e na actividade económica da zona.

Comerciantes e residentes, aseguran, permanecen nun limbo pola falta de avances e información clara sobre o proxecto.
Os grupos municipais do Partido Popular, do Partido Socialista e do Bloque Nacionalista Galego consideran que a situación tamén está a provocar unha crecente desconfianza na xestión municipal, polo que defenden que a resposta da Corporación debe ser inmediata e non pode demorarse.
Na moción presentada, instan ao goberno local a informar de maneira urxente sobre o estado completo do expediente, incluíndo a situación contractual das obras, as causas da súa paralización e unha previsión real de remate. Reclaman, ademais, a elaboración dun calendario claro, público e detallado de execución.
Entre as medidas propostas, tamén solicitan a limpeza e acondicionamento inmediato da rúa, coa retirada dos materiais acumulados, así como unha avaliación das perdas económicas sufridas polos negocios da zona e a posta en marcha de posibles medidas de apoio. Por último, piden a suspensión das sancións no ámbito afectado polas obras mentres non se resolva a situación.

