O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, abriu ao público o renovado parque de José Cornide. Esta é a primeira de 40 intervencións previstas en zonas infantís da cidade.
A posta en servizo realizouse sen acto protocolario, permitindo o acceso inmediato coincidindo co inicio das vacacións.
Jácome abre o renovado parque José Cornide
O rexedor, acompañado do concelleiro de Infraestruturas, Francisco Lorenzo, supervisou a nova área de xogos, que contou cun investimento superior aos 46.000 euros. O obxectivo principal foi ofrecer un espazo seguro e actualizado para o lecer infantil.

A actuación incluíu a modernización completa das instalacións, coa substitución dos elementos antigos por outros novos e máis funcionais. Tamén se colocacou un solo técnico amortecedor de última xeración, reforzando as condicións de seguridade.
O goberno local enmarca esta intervención nun plan de choque que contempla a renovación de ata 40 parques en diferentes puntos do municipio nos vindeiros meses. Neste contexto, avanzan tamén as actuacións no parque de Ribeira de Canedo, próximo á súa finalización, e no de Taboada Chivite, cuxas obras comezarán nas próximas semanas.
«Non quixemos demorar nin un minuto máis a apertura porque o importante é que os nenos xa poidan usar o parque estas vacacións», destacou Pérez Jácome. Pola súa banda, Lorenzo subliñou a axilidade na execución para cumprir cos prazos deste plan de renovación urbana.

