Ourense podería contar no futuro cunha pasarela peonil e ciclista baixo o viaduto ferroviario da cidade.
Esa é a proposta conceptual presentada por Raúl García, estudante do Ciclo Superior en Proxectos de Obra Civil en Santiago de Compostela, ao alcalde Gonzalo Pérez Jácome durante unha reunión celebrada esta mañá no Concello.
Un estudante propón unha pasarela peonil e ciclista baixo o viaduto ferroviario de Ourense
A iniciativa nace como un traballo académico e ten como principal finalidade mellorar a conexión entre as dúas marxes do río Miño e contribuír á posta en valor dun espazo urbano que actualmente presenta posibilidades de aproveitamento, segundo explicou o propio autor do proxecto.

O estudante trasladoulle ao rexedor os detalles da súa proposta, que contempla a creación dunha infraestrutura destinada tanto ao tránsito peonil como ao uso ciclista baixo o viaduto ferroviario.
Pola súa banda, o alcalde valorou positivamente a iniciativa e anunciou que remitirá o traballo ao subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, ao tratarse dunha actuación vinculada a unha infraestrutura de competencia estatal.
A proposta abre o debate sobre novas fórmulas para mellorar a mobilidade sostible na cidade e reforzar a integración das dúas marxes do Miño a través de espazos máis accesibles para a cidadanía.

