Ourense aprobou no pleno municipal dúas mocións presentadas polo Grupo Municipal Socialista centradas na revitalización do comercio local e na promoción da igualdade na representación institucional.
As iniciativas foron defendidas pola portavoz socialista, Natalia González Benéitez, e pola concelleira María Fernández Ojea.
O pleno de Ourense aproba dúas mocións do PSOE sobre comercio e igualdade
A primeira proposta impulsa a creación da estratexia “Ourense Cidade Viva”, un plan destinado a dinamizar os barrios, apoiar o comercio de proximidade e recuperar locais baleiros. Entre as medidas aprobadas figuran a elaboración da Estratexia Ourense Cidade Viva 2027-2035 e a posta en marcha de axudas para a rehabilitación e ocupación de baixos comerciais.

“Non podemos permitir que Ourense continúe baixando persianas”, afirmou Natalia González Benéitez durante o debate.
A segunda moción céntrase en avanzar cara a unha representación máis equilibrada de mulleres e homes nos actos institucionais. A iniciativa contempla a elaboración dun informe anual sobre representación institucional, a promoción de referentes femininos ourensáns e o reforzo da Concellería de Igualdade.

