A Unión Deportiva Ourense será homenaxeada mañá, martes 2 de xuño, nun acto público organizado polo Concello de Ourense para celebrar o histórico ascenso do conxunto vermello á Primeira Federación, a terceira categoría do fútbol español.
A recepción terá lugar ás 20:30 horas na Praza Maior, onde estarán presentes os xogadores, o adestrador, o equipo técnico e a directiva do club. O evento permitirá á afección compartir co equipo un dos maiores éxitos da súa traxectoria recente.
A Praza Maior recibirá á UD Ourense tras o ascenso a Primeira Federación
O ascenso chegou tras superar a eliminatoria definitiva da fase de promoción fronte á Unión Balompédica Conquense. A UD Ourense impúxose por 1-0 no partido de ida, disputado no estadio do Couto. Posteriormente, certificou o salto de categoría cunha nova vitoria por 0-2 en Cuenca, no encontro de volta celebrado na tarde do domingo.

A fazaña foi seguida con enorme expectación na cidade. Milleiros de afeccionados reuníronse na Praza Maior de Ourense para presenciar o encontro a través dunha pantalla xigante instalada polo Concello. O acto de mañá servirá para recoñecer o éxito deportivo dun equipo que culmina unha tempada histórica e que competirá a próxima campaña na Primeira Federación.

