A voceira do grupo municipal do PSdeG no Concello de Ourense, Natalia González, asegurou este martes que non se poden “poñer liñas vermellas” nun momento no que se abre un espazo de diálogo para artellar unha alternativa ao actual alcalde, Gonzalo Pérez Jácome.
A socialista defendeu que o seu partido actúa “con coherencia, valentía, dignidade e autonomía política” na procura dunha saída ao “letargo” que, segundo afirmou, sofre a cidade desde hai sete anos.
O PSdeG de Ourense reivindica liderar unha alternativa a Jácome
González lembrou que existen tres vías para rematar co goberno de Democracia Ourensana: as eleccións municipais do vindeiro ano, unha resolución xudicial ou unha moción de censura.

Neste contexto, incidiu en que o PSdeG “nunca apoiou a Jácome” nin respaldou os seus orzamentos, ao tempo que reivindicou que o seu grupo foi o único que presentou “propostas serias” e un programa político alternativo para a cidade.
A secretaria xeral dos socialistas na cidade tamén cuestionou a postura do Partido Popular, ao considerar “pouco lóxico” que a formación que “levou ata o bastón de mando a Jácome” sexa agora quen marque condicións antes de iniciar unha negociación. “Cando se abre un diálogo non se pode comezar con imposicións”, afirmou, ao tempo que puxo en dúbida que o grupo popular conte cos apoios necesarios para liderar unha alternativa no Concello.
Apoio do BNG
Sobre a disposición do BNG para apoiar unha candidatura socialista á Alcaldía, Natalia González lembrou que o único goberno “decente, competente e responsable” que, ao seu xuízo, tivo a cidade foi un bipartito de esquerdas. Ademais, destacou que o Bloque xa expresara hai ano e medio o seu apoio a unha posible candidatura encabezada polo PSdeG no marco dunha moción de censura.
A portavoz socialista subliñou tamén que “a aritmética é bastante clara”, ao sinalar que os concelleiros do PSOE e do BNG suman 10 fronte aos 7 do PP. “Non temos dúbidas do que toca facer pola cidade”, afirmou.
Durante a comparecencia, González criticou igualmente o respaldo que, segundo indicou, segue recibindo Jácome por parte do PP a pesar do “cerco xudicial” que o rodea. “Iso terán que explicárllelo aos seus votantes”, apuntou.
A responsable socialista concluíu asegurando que o seu partido aspira a gobernar a cidade e apostou por explorar “diferentes opcións” desde a responsabilidade política. “Nós aspiramos a gobernar e imos con todo”, rematou, propoñéndose como alternativa para asumir a Alcaldía de Ourense.

