O PSdeG de Ourense considera que a anulación da adxudicación do contrato do transporte urbano polo Tribunal Administrativo de Contratación Pública supón un novo contratempo para a cidade.
As socialistas atribúen a situación á falta de planificación e rigor na xestión municipal.
O PSdeG atribúe á falta de planificación a anulación da concesión do bus urbano
A concelleira María Fernández Ojea sostén que a resolución, coñecida a través dos medios de comunicación, terá consecuencias directas para a veciñanza ao atrasar novamente a renovación do servizo. «Unha vez máis, queda en evidencia que a falta de planificación e de rigor na xestión acaba tendo consecuencias directas para a veciñanza», afirma.

O grupo socialista lembra que leva tres anos cuestionando a tramitación do proceso. Cuestionan tanto a adquisición dos novos autobuses como o deseño das liñas e na licitación da concesión. Segundo Fernández Ojea, «os feitos volven demostrar que as nosas advertencias estaban plenamente xustificadas», aínda que asegura que preferirían estar falando dun servizo moderno e renovado.
O PSdeG lamenta que a resolución obrigue a prolongar a situación actual do transporte urbano, que cualifica de precaria. Consideran que un servizo esencial non pode depender de erros de planificación nin de decisións que rematen sendo corrixidas polos tribunais.
Na mesma liña, os socialistas reiteran a súa defensa dun modelo de transporte público moderno, eficiente, accesible e adaptado ás necesidades da cidade. Este tería que estar planificado con criterios técnicos, diálogo e interese xeral.

