O PSdeG no Concello de Ourense vén de solicitar explicacións ao goberno municipal pola actuación realizada nas fontes da Praza das Mercedes.
Os socialistas cualifican como esta actuación como un “exemplo claro de falta de planificación” nun espazo céntrico da cidade.
O PSdeG denuncia falta de planificación nas fontes das Mercedes en Ourense
Segundo trasladan as socialistas, a intervención non respondeu á demanda veciñal de restaurar as fontes, senón que se limitou a cubrilas con terra e abono.

Esta actuación, aseguran, está a provocar un forte cheiro que afecta á vida diaria da zona e repercute directamente na actividade económica, especialmente na hostalería, con terrazas baleiras e perda de clientela.
Desde o grupo municipal do PSOE sosteñen que “non só non se solucionou o problema, senón que se agravou”, convertendo a praza nun lugar incómodo e pouco atractivo, cando debería funcionar como punto de encontro para veciñanza e visitantes.
Ademais, denuncian a falta de transparencia e diálogo por parte do executivo local, ao non informar previamente nin contar cos veciños e profesionais afectados. “Estamos ante unha decisión incomprensible, sen respaldo coñecido e que evidencia unha preocupante improvisación na xestión do espazo público”, sinalan.
O grupo socialista tamén cuestiona que esta situación coincida co incremento das taxas de terrazas e co mantemento de esixencias aos hostaleiros que consideran difíciles de cumprir nun contexto xa prexudicial para a súa actividade.

