O PSdeG de Ourense celebrou este 17 de maio o Día das Letras Galegas cunha emotiva homenaxe ás cantareiras protagonistas da festividade este ano segundo a Real Academia Galega.
Este acto, desenvolvido esta tarde na Praza San Martiño, contou coa actuación musical da agrupación feminina ‘A voz das mouras’.
O PSdeG de Ourense homenaxea ás cantareiras no Día das Letras Galegas
A xornada serviu de recoñecemento á cultura popular e ao papel das mulleres na transmisión da tradición oral galega.
Natalia González, secretaria xeral do PSdeG na cidade e voceira no Concello, abriu o acto reivindicando a importancia da poesía popular oral “que acompaña a nosa sociedade desde sempre”. González Benéitez sinalou o papel das cantareiras como “testemuñas da historia máis escura que se precisaba mudar”. Tamén destacou o seu papel como “xerme da resistencia” fronte á prohibición do galego ou ás normas sociais machistas.
“É o noso deber continuar o legado que nos fixeron chegar, promovendo unha cultura plural e feminista”, afirmou González. Salientou tamén o valor destas mulleres que “unen tradición e vangarda” para “non esquecer as raíces e abrir novos horizontes”.

Pola súa parte, Cristina Cruz, secretaria de Educación da CEM, fixo fincapé na retranca das cantigas populares que, mesmo nas épocas máis difíciles. “Criticaban o poder do clero ou as aparencias sociais” destacou a edil socialista no concello de Ourense. Cruz destacou que estas mulleres foron precursoras das novas xeracións de cantareiras e símbolo de empoderamento: “Fixeron que todas quixeramos ser e chamarnos Carolina para bailar en liberdade e ser nós mesmas, sen medo ao maldicir”.
A intervención deu paso á actuación de ‘A voz das mouras’, que encheu a praza de música e emoción. A actuación deste grupo ourenán puxo o broche artístico a unha homenaxe na que o PSdeG reivindicou a memoria, a identidade e a liberdade das mulleres galegas a través do canto.