Noticias

O PSdeG de Ourense reclama máis medidas fronte á calor e critica a planificación das festas

O Grupo Municipal Socialista de Ourense reclamou este martes a posta en marcha de medidas efectivas para facer fronte ás altas temperaturas e criticou a xestión do goberno local tanto durante as Festas do Corpus como na programación organizada arredor do Día do Orgullo LGTBI.

A formación considera que a cidade carece dunha estratexia para protexer á veciñanza fronte aos episodios de calor extrema e demanda políticas públicas estables en materia de inclusión e diversidade.

O PSdeG de Ourense reclama máis medidas fronte á calor e critica a planificación das festas

A concelleira Alba Iglesias asegurou que “Ourense vive cada verán unha situación extrema que xa non pode considerarse excepcional” e lamentou que, malia o debate xerado este ano sobre os refuxios climáticos, “non se puxese en marcha ningunha medida real para protexer á cidadanía”.

O PSdeG de Ourense reclama máis medidas fronte á calor e critica a planificación das festas

Segundo expuxo, a cidade continúa sen contar cunha rede suficiente de fontes de auga potable, espazos de sombra, arborado adaptado á climatoloxía local e zonas públicas frescas nas que refuxiarse durante as horas de maior calor.

Como exemplo, a edil referiuse ao concerto de Hard GZ celebrado nas Festas do Corpus, no que, segundo indicou, se produciron varios desmaios entre o público debido ás elevadas temperaturas.

“Houbo momentos de auténtica angustia. O propio artista tivo que interromper o concerto para pedir que se repartise auga entre os asistentes porque había mozas desmaiándose”, afirmou.

Iglesias criticou que nun evento multitudinario existise un único punto de abastecemento con dous billos, que, segundo sinalou, non funcionaban correctamente, ademais da obriga de retirar o tapón das botellas de auga no control de acceso.

Por este motivo, o Grupo Socialista solicita a creación de puntos gratuítos de hidratación adaptados ao aforo en todos os eventos culturais, deportivos e festivos organizados ou autorizados polo Concello, unha rede estable de refuxios climáticos, máis zonas de sombra, medidas específicas para protexer traballadores expostos ao exterior, persoas maiores, infancia e mascotas, así como a apertura gratuíta das piscinas municipais durante os episodios de calor extrema.

“Non chega con publicar recomendacións nas redes sociais pedindo que a xente beba auga ou camiñe pola sombra cando en Ourense practicamente non hai sombra”, concluíu.

Críticas á programación do Corpus e do Orgullo

Pola súa banda, a concelleira María Fernández realizou un balance crítico das Festas do Corpus e das actividades organizadas arredor do Día do Orgullo LGTBI, asegurando que o actual executivo municipal carece de planificación e de políticas públicas continuadas.

A edil valorou positivamente que se programen actividades coincidindo coa celebración do Orgullo, aínda que considerou que a defensa dos dereitos do colectivo LGTBI “non pode limitarse a un único evento nin reducirse a unha celebración puntual”.

Fernández lembrou que, segundo expuxo o PSdeG, os delitos de odio contra este colectivo seguen aumentando e defendeu a necesidade de impulsar políticas permanentes de igualdade, inclusión e diversidade.

“O que fai falta é gobernar pensando na veciñanza, non limitarse a organizar festas. Hai que defender os dereitos todos os días do ano”, afirmou.

Entre as propostas socialistas figuran a recuperación de programas municipais específicos de diversidade e inclusión, accións formativas dirixidas á mocidade para combater os discursos de odio e a recuperación de iniciativas participativas que, segundo a formación, formaban parte tradicionalmente da celebración do Orgullo en Ourense.

“As persoas teñen dereito a pasear por unha cidade con sombra, a asistir a eventos con acceso garantido á auga e a vivir nun Concello que defenda activamente os seus dereitos. Se iso non sucede, é difícil entender a que se dedica realmente este goberno municipal”, concluíu María Fernández.

Botón volver arriba