Noticias

O PSdeG rexeita os orzamentos de Jácome e pide unha alternativa de goberno

O grupo municipal socialista no Concello de Ourense votou en contra dos orzamentos municipais ao considerar que perpetúan o “modelo Jácome”, baseado, segundo denunciaron, en “pagamento de débedas municipais, atrasos, festas, licitacións en precario e compra de vontades políticas para obter réditos electorais”.

A vicevoceira socialista, María Fernández Ojea, asegurou que as contas municipais “non solventan os principais problemas que ten a cidade” e criticou que o goberno local continúe acumulando unha débeda superior aos 40 millóns de euros.

O PSdeG rexeita os orzamentos de Jácome e pide unha alternativa de goberno

As socialistas sosteñen que non poden “avalar un orzamento que non é viable nin no contido, nin na forma, nin no procedemento”, incidindo na falta de informes preceptivos necesarios para a súa tramitación. Fernández Ojea subliñou que o documento económico “non se pode aplicar nin co informe de intervención nin sen el”.

O PSdeG rexeita os orzamentos de Jácome e pide unha alternativa de goberno

O PSdeG volveu cargar tamén contra o que cualifica como “desgoberno de Jácome”, denunciando a perda de fondos, a “nula xestión económica e administrativa”, a ausencia de planificación e a falta de diálogo social “máis aló dos intereses do alcalde”. Neste contexto, instaron ao PP e ao BNG a abandonar “o xogo de centrar o debate nos personalismos do alcalde” para abordar, segundo sinalan, “as necesidades reais da cidadanía”.

Tras rexeitar a cuestión de confianza vinculada aos orzamentos, o grupo municipal socialista asegura manter “con coherencia e responsabilidade” unha alternativa de goberno “clara e sólida”, sustentada nas emendas orzamentarias presentadas hai dúas semanas e que, segundo indican, contan co aval técnico municipal sobre a súa viabilidade.

A proposta socialista céntrase en políticas relacionadas coa vivenda, a conciliación, o benestar social, o deporte e a creación de refuxios climáticos para facer de Ourense “unha cidade máis habitable”.

As socialistas conclúen cuestionando a postura do PP e do BNG ante a continuidade de Gonzalo Pérez Jácome á fronte do Concello e pregúntanse se ambas formacións “queren realmente unha alternativa de goberno” ou se “van continuar mantendo a Jácome como alcalde”.

Botón volver arriba