O PSOE de Ourense reclamou información detallada sobre as facturas pendentes de pagamento anunciadas polo alcalde, Gonzalo Pérez Jácome. O rexedor fixo este anuncio durante a Xunta de Portavoces celebrada esta mañá.
A portavoz socialista, Natalia González Benéitez, cuestionou as explicacións ofrecidas polo rexedor e asegurou que o problema non radica na falta de fondos, senón na xestión administrativa.
O PSOE pide transparencia sobre as facturas pendentes do Concello
“Ter diñeiro na conta non significa que se poida pagar calquera factura. Nunha administración pública hai que dispoñer do crédito axeitado, da contratación correcta e da fiscalización legal”, afirmou.

O grupo municipal socialista rexistrou unha solicitude para coñecer a relación das facturas afectadas, os seus importes, antigüidade, departamentos responsables e estado de tramitación. Segundo González, a oposición foi convocada sen recibir datos básicos sobre a dimensión real do problema.
Desde o PSOE lembran que levan anos advertindo de que a principal dificultade do Concello non era a falta de liquidez, senón a forma de xestionar os recursos municipais. Ademais, amosan preocupación por que esta situación poida afectar ao funcionamento ordinario da administración local.
As socialistas tamén critican que o alcalde busque responsabilidades fóra do executivo municipal e consideran que corresponde ao goberno local identificar as causas do bloqueo administrativo e resolver a situación.

