O PSdeG-PSOE presenta en Castrelo de Miño o proxecto liderado por Catalina González que estivo acompañada de decenas de veciños e veciñas.
Catalina González Álvarez encabezará a candidatura do PSdeG-PSOE á alcaldía de Castrelo de Miño o próximo 28 de maio.
O PSOE presenta en Castrelo de Miño o proxecto liderado por Catalina González
O programa elaborado polo partido para esta cita electoral «fará posible que Castrelo mude dun concello que perde poboación e que agoniza, a un concello con futuro para os e as que vivimos aquí e os e as que queiran vir, no que se poida vivir, desfrutar e tamén traballar».
Entre os obxectivos que a candidata considera prioritarios están «potenciar as infraestruturas; mellorar as estradas e a limpeza; habilitar puntos de encontro que sirvan de interacción para a veciñanza, rehabilitar as áreas infantís; apostar polos servizos sociais, cun programa pioneiro de atención aos maiores; crear un centro interxeneracional, un comedor escolar e unha bolsa de axudas económicas; adecuar os servizos municipais á xente; crear unha nova captación de bombeo no Miño para rematar cos problemas do arsénico na auga; implementar un transporte intermunicipal; ou pór en marcha un plan para frear o despoboamento e atraer familias».
Nacho Rodríguez, nº 2 da candidatura, destacou que «contamos con xente capacitada en diferentes sectores que conforman o futuro do noso concello e liderada por unha muller con ampla experiencia, que coñece perfectamente as necesidades deste municipio e dos seus veciños, e que xunto co resto do equipo, mellorará a calidade de vida da veciñanza, convertendo Castrelo no concello que todos merecemos».
Uxía Tizón, deputada no Congreso, mostrou o seu apoio á candidatura de Catalina González. Na súa intervención recordou que «estamos fartas de caciquismo inútil, dunha dereita que se cree dona de Ourense, que a utiliza para os seus intereses e que a tratan como se fose de terceira».