A Xunta de Galicia destina máis de 1,3 millóns de euros á reconversión da viña na provincia de Ourense, no marco das axudas para modernizar o sector vitivinícola e mellorar a súa competitividade.
O delegado territorial, Manuel Pardo, visitou este luns a adega Casal do Canteiro, en Castrelo de Miño, acompañado do alcalde Avelino Pazos.
A Xunta destina máis de 1,3 millóns á reconversión da viña en Ourense
A explotación é unha das 81 persoas viticultoras e adegas beneficiarias da orde de 2025 para apoiar a reestruturación e reconversión do viñedo en Galicia.

Durante a visita, Pardo lembrou que xa está publicada no Diario Oficial de Galicia a nova convocatoria destas axudas. O programa conta cun orzamento de 4 millóns de euros, repartidos en 2,7 millóns para 2026 e 1,3 millóns para 2027. O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 27 de abril.
Manuel Pardo destacou que estas achegas son unha ferramenta estratéxica para Ourense, especialmente pola súa aposta pola reconversión varietal. Este proceso permite substituír viñas antigas por variedades autóctonas máis resistentes e con maior capacidade para producir viños de calidade diferenciada nun mercado global.
Así mesmo, subliñou que o obxectivo destas axudas é incrementar a competitividade das explotacións, adaptar o viñedo ao cambio climático e avanzar cara a un modelo máis sustentable. Tamén buscan reducir custos de produción, mellorar a orientación ao mercado e fomentar a profesionalización e a remuda xeracional no sector.

