O grupo municipal socialista de Ourense levará ao vindeiro pleno ordinario de xuño unha moción coa que pretende garantir que o uso de rúas, prazas e instalacións municipais se rexan por criterios obxectivos, transparentes e non discriminatorios.
A iniciativa busca reforzar o papel dos espazos públicos como lugares de convivencia, participación cidadá e liberdade.
O PSOE pide transparencia no uso dos espazos públicos de Ourense
Segundo explica o PSOE, a proposta xorde tras as reiteradas denegacións por parte do goberno municipal de autorizacións para actividades promovidas por colectivos sociais, culturais, veciñais, entidades xuvenís, medios de comunicación e asociacións da cidade. Os socialistas critican que estas negativas se fundamenten nunha interpretación xenérica da suposta falta de “interese público”.

A portavoz municipal socialista, Natalia González, sostén que “o espazo público é de toda a cidadanía e non pode converterse nun ámbito condicionado pola afinidade política, ideolóxica ou persoal co alcalde ou co Executivo municipal de quenda”.
A formación considera que limitar o acceso a estes espazos mediante argumentos ambiguos ou discrecionais pode supoñer unha restrición da participación cidadá e da pluralidade social. Por iso, a moción propón a elaboración dunha regulación específica que estableza criterios claros para a autorización de actividades en espazos públicos municipais, co obxectivo de ofrecer seguridade xurídica, igualdade de trato e transparencia nos procedementos administrativos.
Entre os acordos incluídos na iniciativa figura tamén a necesidade de que as resolucións denegatorias estean debidamente motivadas, detallando de forma concreta as razóns técnicas, de seguridade, dispoñibilidade ou legalidade que xustifiquen unha negativa, evitando así decisións que poidan ser consideradas arbitrarias.
Ademais, o PSOE reclama o recoñecemento expreso do valor democrático, social, cultural e participativo das actividades impulsadas pola sociedade civil organizada, os medios de comunicación e os diferentes colectivos da cidade.
“Ourense non pertence a quen goberna temporalmente. A cidade pertence á súa xente. E os espazos públicos deben seguir sendo lugares de encontro, expresión, participación e liberdade para todas e todos”, conclúe Natalia González.

