Noticias

Ourense reabre a rúa Pena Trevinca tras cinco meses de obras

O Concello de Ourense reabriu hoxe ao tráfico e ao uso peonil a rúa Pena Trevinca tras concluír as obras de remodelación executadas despois do afundimento rexistrado a comezos de ano.

O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, acompañado por membros do goberno municipal, visitou a zona para comprobar o resultado da intervención.

Ourense reabre a rúa Pena Trevinca tras cinco meses de obras

O rexedor destacou que se tratou dunha actuación de emerxencia executada «en tempo récord» e asegurou que a reforma mellora de forma notable unha das vías do barrio de San Francisco. Ademais, avanzou que o Concello prevé completar no futuro a renovación do resto da rúa.

Ourense reabre a rúa Pena Trevinca tras cinco meses de obras
Foto: Concello de Ourense.

Pola súa banda, o concelleiro de Obras Públicas, Francisco Lorenzo, explicou que o afundimento foi provocado por fisuras nun colector de máis de 50 anos de antigüidade. Segundo indicou, a reparación incluíu unha actuación hidráulica singular mediante a instalación dunha manga de gran dimensión curada con luz ultravioleta.

A intervención tamén permitiu renovar a superficie da rúa cunha humanización que incorpora máis zonas verdes e espazos de descanso, substitúe a baldosa hidráulica por pedra e inclúe o asfaltado ata o cruzamento con Emilia Pardo Bazán. As obras completáronse en cinco meses e a vía queda xa aberta para a circulación e o uso da veciñanza.

Botón volver arriba