O Concello de Ourense reabre o mércores, 1 de abril, as termas públicas da Chavasqueira e do Muíño da Veiga tras estabilizarse o nivel do río Miño.
A recuperación das instalacións permite devolver ao uso cidadán dous dos espazos termais máis frecuentados da cidade.
Ourense reabre as termas da Chavasqueira e Muíño da Veiga
A reapertura prodúcese despois de completar os traballos de limpeza, desinfección, arranxo e acondicionamento, necesarios para garantir a seguridade e o correcto funcionamento das zonas afectadas polas variacións do caudal.

Ambos recintos, situados na marxe dereita do río, contarán desde o primeiro día con servizo de atención, control e primeiros auxilios. O horario de apertura será de 10:00 a 20:00 h.
O Concello lembra que tamén permanecen operativas as termas da Burga de Canedo (Outariz), completando así a oferta termal pública e gratuíta na cidade.

