Noticias

O Concello de Ourense recoñece a Miguel Álvarez por evitar unha traxedia

O Concello de Ourense recoñeceu a valentía de Miguel Álvarez, o mozo de 19 anos que o pasado venres evitou que unha muller se precipitase ao baleiro na rúa do Bierzo grazas á súa rápida intervención.

Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense, e o concelleiro de Administración Xeral, Antonio Fernández, recibiron esta mañá ao mozo na Casa do Concello para trasladarlle persoalmente o agradecemento institucional e felicitalo pola súa actuación, que resultou decisiva para evitar un fatal desenlace.

O Concello de Ourense recoñece a Miguel Álvarez por evitar unha traxedia

Segundo explicou o Concello, Miguel Álvarez suxeitou á muller en dúas ocasións cando xa se atopaba sobre a varanda da rúa, conseguindo mantela a salvo ata a chegada dos axentes da Policía Local, que aseguraron a zona e se fixeron cargo da situación. A súa intervención permitiu gañar uns minutos que resultaron determinantes.

O Concello de Ourense recoñece a Miguel Álvarez por evitar unha traxedia
Foto: Concello de Ourense.

Durante o encontro, o rexedor destacou a súa valentía, rapidez de reacción e compromiso cidadán, cualificando a súa actuación como un exemplo para toda a veciñanza.

Miguel Álvarez, que actualmente se está a formar como socorrista, relatou como viviu aqueles momentos. «Ía baixar da miña casa para ir comer á dos meus avós, sobre as 14.10 h, e vin unha muller asomada nas escaleiras. Ao principio pensei que estaba agardando por alguén, pero cando volvín pasar seguía alí. Xa na última ocasión vin que tiña un pé pasado da varanda, fun correndo e agarreina», explicou.

O mozo tamén contou que tentou tranquilizala e gañar tempo mentres solicitaba axuda. «Díxenlle que me acompañase un pouco para darlle unha botella de auga. Subín á casa e chamei á miña nai para que avisase á Policía. Cando volvín baixar, a señora estaba outra vez cun pé pasado. Quedei con ela ata que chegou a Policía», lembrou.

A actuación de Miguel Álvarez foi clave para evitar a traxedia e recibiu o recoñecemento público do Concello pola súa rápida resposta nunha situación de extrema gravidade.

Botón volver arriba