Colaboraciones

Salvemos a Cultura en Ourense

Salvemos a Cultura en Ourense – Jesús Vázquez

Resulta moi difícil entender o noso mundo sen actividade ou eventos culturais, sen música nin libros, teatro ou cine…

Todo temos claro que a Cultura é un elemento de cohesión social en tempos de crise. E a COVID confirmouno. Se algo quedou claro durante estes longos meses de pandemia, é que a Cultura permitiunos sobrevivir emocionalmente. Estudos recentes confirman que durante o primeiro confinamento consumimos música, cinema, teatro, lectura de libros, visitas aos mellores museos do mundo desde os nosos dispositivos móviles… E todo elo, desde as nosas casas para manternos psicoloxicamente activos. Nas seguintes fases da  pandemia seguimos consumindo cultura.

Pero tamén puidemos ver, desde o primeiro momento, o dano que a crise sanitaria ía producir a un sector indispensable para todos nós.

A crise do coronavirus supuxo un golpe contraditorio para o mundo da Cultura, pero tamén para nós. Pois, xusto cando máis Cultura se estaba a consumir, máis comezou a sufrir o sector. Pecháronse platós, teatros; aprazouse a produción cultural obrigando a reaxustar os proxectos; as galerías e museos tiveron que adiar programacións e certos eventos, como por exemplo os concertos, reduxéronse ao mínimo ou, simplemente, anuláronse.

Salvemos a Cultura en Ourense

A nosa Cultura, ese Patrimonio que axuda a formarnos e ilustrarnos e que xera en nós benestar e felicidade, está en grave risco.

E por elo, require de aqueles que temos a responsabilidade de gobernar e/ou lexislar, nos volquemos co sector. Solucións que deben chegar desde a sensibilidade coas peculiaridades do sector.

Ante esta situación, ao longo da xeografía española, prodúxose unha aposta decidida por seguir programando e realizando eventos culturais en espazos seguros, en streaming ou en lugares ao aire libre, nos que se cumpran todos os protocolos sanitarios. En definitiva: pola non cancelación e, por conseguinte, polo mantemento dos mesmos.

Adaptando os horarios dos actos programados aos novos horarios do toque de queda. Buscando novos modelos para achegar a cultura a todos nós.

Temos claro que nesta situación de pandemia é importante o feito de poder facer cousas… Mais tamén é igual de importante o feito de querer facelas. Hai mecanismos, hai fórmulas, hai alternativas… Pero hai que querer poñelas en marcha. Querer, neste caso, tamén é poder. O sector quere e as administracións teñen que procurar as vías e os recursos necesarios para que se poidan desenvolver.

As empresas do sector cultural contribúen ao noso beneficio en tódolos sentidos, supoñen una importante riqueza para nós como persoas e tamén para a nosa cidade, como elemento distintivo e xerador de riqueza económica. Son moitas as persoas que traballan no sector da Cultura. Queren traballo, ao igual que o resto de autónomos, hostaleiros, pequenas e grandes empresas.

Temos aquí mesmo o exemplo de como poder facer un pleno con todas as garantías sanitarias. Non é o mesmo a vía telemática, pero é a alternativa máis segura que temos. E no ámbito da Cultura podemos extrapolar ferramentas coma esta para achegar as iniciativas culturais aos fogares ourensáns.

Con vontade, con ánimo de sacar adiante algo tan importante, poderíamos facelo. Pero repito: o importante é querer.

Igual que o Concello de Ourense está a retransmitir na súa canle de youtube eventos deportivos, por que non facemos o mesmo con eventos culturais propios da nosa industria cultural?

Temos que facer ese esforzo por lograr unha programación cultural de calidade. A Cultura é segura, e temos que facer que Ourense, ao igual que están a facer o resto de cidades galegas e de España, teñan eventos culturais seguros nesta época de pandemia.

As cousas cambian, pero desde logo a necesidade sigue aí, temos que lograr, por tanto, como administración cubrir esa necesidade, coas ferramentas precisas e que temos á nosa disposición.

Imaxínanse vostedes que pechara o sistema educativo ou a universidade? Non, verdade? Pois non podemos deixar que esta pandemia peche a Cultura, a nosa Cultura. Igual que loitamos tódolos días para que non acabe con nós, non permitamos que acabe cunha parte de nós. Temos mecanismos para facelo. Usémolos.

JESÚS VÁZQUEZ ABAD

Senador, concelleiro e coordinador do Grupo Municipal do PP en Ourense

Un comentario

  1. Pois unha boa parte da culpa a tedes vós, os do PP, pois mantedes ao alcalde que tedes grazas ao voso apoio, cando lle falta un concelleiro o prestades e, se fose por cuestión democrática de cando falaba o PP de deixar gobernar que tivese a maioría de votos, establecedes un cordón para que non goberne quen precisamente obtivo máis votos (aínda que non nos goste, teríades que acéptalo), en fin… arrieros somos e no camiño nos atoparemos Sr. Vázquez

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Botón volver arriba