Sandiás acolleu este venres a I Xornada Informativa sobre xestión da biodiversidade vexetal e prevención de incendios, organizada por Protección Civil dentro do programa “Aldeas Seguras”, coa participación de preto de vinte veciños e veciñas do municipio.
A actividade, celebrada na Casa da Cultura, buscou concienciar á cidadanía sobre a importancia de entender o monte como patrimonio natural e non só como combustible, apostando por unha xestión sostible da vexetación para reducir o risco de lumes.
Sandiás promove a biodiversidade para previr incendios
O presidente de Protección Civil, Fernando Gándara, destacou a necesidade de ofrecer información práctica para avanzar cara a aldeas máis seguras. O bombeiro forestal Tomás Báez abordou cuestións técnicas relacionadas coas faixas de protección, os incendios de interface ou o Plan Pladiga.

Pola súa banda, o alcalde, Felipe Traveso, lembrou que “a prevención é unha responsabilidade compartida” e puxo en valor o labor municipal na limpeza de espazos públicos. A xornada pechouse coa intervención de José Manuel Gómez “Cazolas”, que expuxo actuacións realizadas en Piñeira de Arcos cun investimento próximo aos 114.000 euros.
O encontro rematou cun coloquio aberto, no que a veciñanza trasladou dúbidas sobre parcelas abandonadas e medidas de prevención.

