Noticias

Supermulleres de Boborás doan máis de 3.000 euros á AECC de Ourense

Nun emotivo acto celebrado no Concello de Boborás, o grupo de mulleres coñecido como as «Supermulleres de Boborás» fixo entrega dun cheque de 3.142,64 euros á Asociación Española Contra o Cancro (AECC) de Ourense.

A achega destinarase integramente ao programa de “Préstamo de material ortopédico para pacientes oncolóxicos” da provincia.

Supermulleres de Boborás doan máis de 3.000 euros á AECC de Ourense

Este grupo solidario, composto por Leontina Vázquez, Mª Dolores González, Rosa Mª Pérez, Concepción García e Rocío Sobrado, xurdiu tras coincidir nun curso promovido polo Concello para mulleres do rural. O que comezou como unha actividade formativa transformouse nunha rede de apoio, amizade e compromiso que transcende o artesanal.

As Supermulleres reúnense semanalmente para elaborar pezas de ganchillo, calceta, bonecas artesanais e outras manualidades, que venden en mercadiños solidarios. Todo o recadado destínase a proxectos sociais, visibilizando o labor de entidades como a AECC.

Supermulleres de Boborás doan máis de 3.000 euros á AECC de Ourense
Foto: AECC Ourense

Durante o acto, a alcaldesa de Boborás, Ana Patricia Torres, a concelleira de Igualdade, Rosa María Pérez, e o presidente da AECC en Ourense, Germán Rodríguez-Saá, acompañaron ás protagonistas. A súa presenza subliñou o recoñecemento institucional a esta iniciativa que fortalece a solidariedade no rural.

«Supermulleres de Boborás nace das ganas de veciñas, agora amigas, confidentes e demais, de priorizar o pouco tempo libre de cada unha para axudar nunha boa causa. A nosa colaboración é a de todos, porque todos sumamos, que é o importante«, declarou unha das integrantes.

Con idades comprendidas entre os 60 e máis de 90 anos, estas mulleres representan un exemplo de xenerosidade, ilusión e entrega. Co apoio das súas familias, do Concello e dos veciños que lles facilitan o uso do Local Social da Almuzara, continúan traballando por un rural ourensán máis solidario.

Desde a AECC de Ourense agradeceuse fondamente esta colaboración, salientando que achegas coma esta son fundamentais para manter o apoio material e emocional a persoas con cancro en toda a provincia.

O Concello de Boborás tamén quixo recoñecer publicamente o labor destas mulleres, poñendo en valor a súa capacidade de transformar pequenas accións nun gran impacto social.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.