O Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia (TACGal) anulou a adxudicación do contrato do servizo de transporte público colectivo urbano de Ourense á UTE Sagalés-Gavilanes.
Este Tribunal ordenou retrotraer o procedemento para que a Mesa de Contratación do Concello reavalíe distintos aspectos da licitación.
O TACGal anula a adxudicación do bus urbano de Ourense
A resolución número 181/2026 estima parcialmente os recursos presentados por tres empresas licitadoras e obriga a revisar o expediente para determinar se concorren ou non catro posibles causas de exclusión. O tribunal, con todo, non acorda a exclusión de ningunha empresa, senón que encarga á Mesa de Contratación unha análise máis detallada antes de adoptar unha nova decisión.

Entre os aspectos que deberán ser revisados figuran o cumprimento dos requisitos das naves ofertadas pola adxudicataria e polas empresas segunda e terceira clasificadas, a validez da documentación acreditativa da solvencia técnica da adxudicataria, unha posible inexactitude na súa declaración responsable e a corrección dos estudos económicos presentados polas tres primeiras licitadoras.
Segundo recolle a resolución, tres das catro posibles causas de exclusión foron expostas por primeira vez nos recursos presentados ante o TACGal, xa que non foran detectadas durante a tramitación administrativa do expediente. A única cuestión xa analizada previamente era a relativa aos estudos económicos.
Tras este pronunciamento, a Mesa de Contratación volverá reunirse para solicitar as aclaracións e informes que considere necesarios e determinar se finalmente existe algunha causa que xustifique a exclusión das empresas afectadas.
A resolución tamén desestima integramente unha das alegacións formuladas nos recursos, que pedía a anulación da licitación polos cambios introducidos nos últimos meses nas liñas do servizo de transporte urbano. O TACGal rexeita esta pretensión e mantén a validez do procedemento neste punto.

