O Concello de Ourense porá en marcha un dispositivo especial de tráfico na rúa Emilia Pardo Bazán con motivo do inicio das obras de pavimentación e acondicionamento integral da vía, que executará a Xunta de Galicia.
O operativo comezará o xoves, 9 de xullo, ás 6.00 horas.
Dispositivo especial de tráfico en Emilia Pardo Bazán polas obras
A actuación afectará a todo o trazado da rúa, desde a confluencia coa avenida de Buenos Aires ata a intersección coa estrada da Granxa. Segundo informou o Concello, a planificación da obra prevé manter o dobre sentido de circulación sempre que as condicións de seguridade o permitan.

Con todo, durante os traballos de estendido do aglomerado e o uso de maquinaria pesada poderanse producir cortes totais puntuais e restricións temporais ao tráfico ao longo das distintas xornadas de execución.
A Policía Local supervisará o dispositivo, controlará a sinalización provisional e regulará a circulación para reducir as incidencias, especialmente nos momentos de maior intensidade de tráfico. Ademais, garantirase en todo momento o acceso dos vehículos de emerxencias e dos servizos públicos esenciais.

