Noticias

A Xunta completa a licitación da Rolda Leste de Ourense

A Xunta licitou o último tramo da futura Rolda Leste de Ourense, unha actuación de 12,7 millóns de euros que permitirá completar a conexión entre Bemposta e a N-525.

O presidente autonómico, Alfonso Rueda, destacou que a infraestrutura permitirá “retirar tráfico de Ourense, de sitios céntricos que non teñen que soportar esa carga”. Tamén servirá para mellorar as conexións coa zona sur da cidade, os polígonos industriais e a autovía das Rías Baixas.

A Xunta completa a licitación da Rolda Leste de Ourense

O novo treito terá 1,5 quilómetros de lonxitude e discorrerá polos concellos de Ourense e San Cibrao das Viñas. As empresas poderán presentar as súas ofertas ata o 7 de setembro e a Xunta prevé adxudicar as obras antes de que remate o ano. O prazo de execución será de 30 meses.

A Xunta completa a licitación da Rolda Leste de Ourense
Foto: Xunta de Galicia.

Rueda cualificou a actuación como unha “obra complexa”, aínda que subliñou que se desenvolverá nunha zona urbana sen afectar ningunha vivenda.

A Rolda Leste terá un alcance metropolitano e provincial ao conectar varias das principais vías da contorna de Ourense. O presidente da Xunta enmarcou o proxecto no investimento de máis de 35 millóns de euros que o Goberno galego está a realizar actualmente en infraestruturas viarias da provincia.

Entre as actuacións citadas figuran as obras na OU-540 entre Celanova e Bande, a mellora da OU-533 entre A Gudiña e Viana do Bolo e a senda peonil da OU-402, en Reza.

Rueda asegurou que “hai que seguir investindo” e apostou pola colaboración entre administracións para acelerar a execución das infraestruturas.

Botón volver arriba