Barbadás contará este verán coa programación cultural máis ampla da súa historia, cunha vintena de actividades gratuítas que combinarán música, teatro, cine, circo, maxia e humor en diferentes puntos do municipio.
O ciclo, impulsado polo Concello a través da Concellería de Cultura, desenvolverase entre xuño e agosto e levará propostas para todos os públicos a distintos núcleos de poboación.
Barbadás reforza a súa oferta cultural cun programa récord este verán
Durante a presentación do programa, o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, destacou que esta será a primeira edición na que as actividades se repartirán por todo o municipio, aínda que o Parque dos Patos da Valenzá continuará sendo o principal escenario.
Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, José Manuel Morgade, subliñou que a programación medra tanto en número de actividades como en días de celebración. Destacou a incorporación de eventos os venres.

O cartel inclúe nomes destacados da cultura galega como Mercedes Peón, representacións do Centro Dramático Galego, a proxección da película “Rondallas”, nominada aos Premios Goya 2026, e actuacións de colectivos locais como a Escola Nova Fronteira, a Banda Infantil da Escola de Música de Barbadás e a Banda de Música Cultural de Barbadás.
Inicio da programación
O Verán Cultural arrancará mañá coa exhibición de fin de curso de Danzas do Mundo Danzari, ás 21:00h no Parque dos Patos. O venres será a quenda de MVT Galicia, tamén ás 21:00h.
As actividades continuarán a próxima semana cos concertos da Banda Infantil da Escola de Música de Barbadás, o 22 de xuño, e da Banda de Música Cultural de Barbadás, o 23 de xuño, ambos ás 21:00h.
Xa en xullo, o circo abrirá o mes coa actuación de Sue Moreno e o espectáculo 5.0 o día 2. Pola súa parte, Brañas Folk actuará o 9 de xullo.
Cine e artes escénicas
As proxeccións de “Rondallas” percorrerán distintos núcleos do municipio entre xullo e agosto. O ciclo comezará o 10 de xullo no parque Fidalguiño de Sobrado e continuará en Bentraces, Piñor e Finca Fierro, sempre ás 22:30 h.
A programación escénica incluirá tamén o espectáculo de circo e humor Mute, da compañía bilbaína Orainbi, o 16 de xullo. Tamén forman parte da programación o concerto de Tetas Van o 23 de xullo; e a representación de “Ñique Ñaque”, coproducida polo Centro Dramático Galego e Espectáculos Valente, o 30 de xullo.
En agosto chegarán as actuacións do mago Fernando Moreno, coa proposta Superpoderes máxicos e da compañía Teatro ó Cubo, coa obra De Vilatriste a Vilalegre. Tamén actuará o grupo Dr. Slump, referente das bandas de versións galegas.
Mercedes Peón pechará o ciclo
O broche final do Verán Cultural 2026 correrá a cargo de Mercedes Peón, que actuará o 27 de agosto no Parque dos Patos. A artista presentará o seu último traballo discográfico, Déixaas, nun concerto que servirá para clausurar esta programación.


