Colaboraciones

XACARANDÁ

XACARANDÁ – Artigo de Cristina Cruz (Secretaria de Educación e política institucional da Executiva municipal do PSdeG-PSOE de Ourense).

“A esta terra da Infinda primadeira
a nova primadeira vai chegar
e a xacaranda teima en estoupar,
foguete malva, na mañán marceira.”

Todos os anos espérase con emoción a quen vai ir adicado o Día das Letras Galegas. No 2022, o elixido é un poeta valdeorrés; republicano e galeguista; persoa que, canto máis coñecemos, máis admiramos: Florencio Delgado Gurriarán.

XACARANDÁ
Cristina Cruz

Unha das mellores sensacións para os que amamos a literatura galega; a cultura galega en todas as súas vertentes é esa achega á figura protagonista de tal celebración. O tempo e o espazo do autor e o lector únense grazas á suxestión da lectura dos seus poemas e as súas vivencias. Así, podemos trasladarnos ao Córgomo natal, onde se inspira para artellar un primeiro poemario de corte hilozoísta, Bebedeira; seremos quen de pasear entre as vides de Valdeorras e apreciar as cores vermellas, marróns e verdes que mudan co solpor; tamén a alegría dos amoríos que comezan; mais xa comezamos a enxergar un “eu lírico”, irónico, satírico e comprometido cunha realidade social que irá volvéndose cada vez máis complicada e aciaga e que culminará en obras posteriores como Galicia Infinda  ou o Sono do guieiro, tan vinculado a Castelao.

XACARANDÁ

A Real Academia Galega destaca non só a calidade literaria e artística da obra do homenaxeado, senón tamén o seu labor como activista político e cultural no exilio; sempre vencellado a Buenos Aires e que, por primeira vez recala en México. Alí, o poeta, promove iniciativas que teñen como eixo principal a lingua galega. Lingua que considera, dende moi novo, non debe limitarse ao uso literario. Así, grazas a persoas como Florencio Delgado Gurriarán, e pese a ditadura, a cultura galega perviviu fóra das nosas fronteiras.

Nesta festividade, na que os actos na súa honra se estenden polos distintos concellos, centros educativos e distintas institucións, sería bo reflexionar sobre a importancia de pór en valor o galego no día a día, en cada manifestación pública e privada que levemos a cabo e, desa maneira, sumarnos a unha reivindicación feita con valentía no pasado, en contextos moito máis difíciles e angustiosos.

XACARANDÁ – Artigo de Cristina Cruz (Secretaria de Educación e política institucional da Executiva municipal do PSdeG-PSOE de Ourense.

Escuela de Música en Ourense

Publicaciones relacionadas

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Botón volver arriba