O Ciclo Rock entre Pedra e Poesía regresará este verán a Celanova coa actuación de Xoel López, que ofrecerá un concerto o vindeiro 23 de agosto no claustro do mosteiro de San Salvador.
O evento alcanza a súa quinta edición consolidándose como unha das citas culturais destacadas da provincia de Ourense.
Xoel López protagonizará a quinta edición de Rock entre Pedra e Poesía en Celanova
A presentación da iniciativa tivo lugar esta mañá coa participación do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; do director da área de Cultura e Deporte da Deputación de Ourense, Marcos Vázquez; e do alcalde de Celanova, Antonio Puga.

Durante o acto, Manuel Pardo destacou que este tipo de iniciativas, patrocinadas por Turismo de Galicia coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense e do Concello de Celanova, teñen como principal obxectivo poñer en valor o patrimonio cultural e histórico da provincia a través da música.
O concerto celebrarase ás 21:00 h nun escenario singular como é o claustro do mosteiro de San Salvador de Celanova. A organización limitará o aforo a 800 persoas sentadas, con asento garantido por orde de chegada.
As entradas xa están á venda e teñen un prezo de 33 euros, aos que haberá que sumar os gastos de xestión da plataforma distribuidora.

