O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou este luns a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Sarreaus acompañado do alcalde, Gumersindo Lamas.
Esta entidade figura entre as 69 beneficiarias da última convocatoria de axudas para gastos de funcionamento das AVPC de concellos de menos de 50.000 habitantes.
A Xunta apoia con 135.000 euros ás agrupacións de Protección Civil de Ourense
A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes destinou preto de 135.000 euros na provincia de Ourense, dentro dunha liña de subvencións dotada con 370.000 euros en toda Galicia. As axudas permiten sufragar gastos de equipamento, comunicacións, seguros, formación, mantemento das bases e material funxible.

Manuel Pardo destacou tamén o apoio da Xunta á mellora dos medios de emerxencias. Neste sentido, lembrou que nos últimos anos o investimento autonómico nas agrupacións de voluntarios supera os 20 millóns de euros, aos que se suman máis de 3 millóns destinados á formación do persoal de emerxencias.

