O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, anunciou hoxe en Cenlle a mellora da biblioteca pública municipal e da aula CEMIT. A actuación contará cunha achega de 19.400 euros concedida pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Esta axuda céntrase no equipamento e mellora das instalacións destinadas a actividades culturais no concello.
A Xunta invirte 19.400 euros na biblioteca de Cenlle
Durante a xuntanza coa alcaldesa, Rebeca Sotelo, o representante autonómico explicou os detalles do investimento. A resolución contribúe á mellora de 39 infraestruturas como centros socioculturais, auditorios ou bibliotecas de toda Galicia, destacou Manuel Pardo sobre esta liña de financiamento dotada con 500.000 euros.

Na provincia de Ourense, sete municipios reciben máis de 85.000 euros para modernizar os seus espazos. Cenlle, Vilar de Barrio, Ribadavia, O Carballiño, Allariz, Celanova e Xunqueira de Espadanedo son os concellos beneficiados nesta convocatoria.
A contía destinada axudará a sufragar obras de accesibilidade, como a instalación de plataformas elevadoras, e a renovación de servizos enerxéticos ou de calefacción. Do mesmo xeito, a subvención permitirá adquirir novo equipamento escénico, audiovisual, de iluminación e de son, ademais de renovar o mobiliario con novos asentos nas salas.

