O III Encontro Burla Verde pola defensa da terra celebrarase o sábado 27 de setembro en Vilanova dos Infantes (Celanova, Ourense), reunindo colectivos e persoas de toda Galiza que traballan en prol da biodiversidade, da vida e do territorio.
Vilanova dos Infantes acolle o III Burla Verde pola defensa da terra
O evento quere ser un espazo de encontro, aprendizaxe e celebración, combinando palestras, mesas de debate, obradoiros, música, teatro, xogos tradicionais e actividades comunitarias. O obxectivo é visibilizar as loitas en defensa do rural galego e ofrecer alternativas ao actual modelo extractivista.

Nesta edición abordarase o impacto no territorio, a perda de biodiversidade e a necesidade de crear economías sostibles. Tamén se analizarán as causas estruturais dos incendios forestais que cada verán devastan a Galiza. Entre os obradoiros destacan Sementes de liberdade, Reciclaxe de roupa, Ioga na natureza ou Biodanza. Ademais, haberá teatro, contacontos, títeres e actividades para crianzas, convertendo a vila nun espazo cheo de vida para todas as idades.
A xornada incluirá un mercado de artesanía e produtos ecolóxicos, espazos de convivencia e alimentación sostible, así como concertos de Kreze, Galician e Luis Kaf. O peche correrá a cargo de Nemeton Performances.
A organización lembrou que os lumes que arrasaron milleiros de hectáreas este verán “non son unha casualidade, senón unha consecuencia dun modelo económico que prioriza os intereses das grandes corporacións fronte á vida do rural”. “A loita contra os incendios é tamén a loita pola biodiversidade, pola auga e polas aldeas vivas”, engaden.


O encontro é posible grazas ao traballo voluntario de ducias de persoas e colectivos que, como un micelio invisible, fan medrar este proxecto común.