O talento feminino e a igualdade protagonizaron o encontro “Falamos de talento, igualdade e futuro” do Club Redeiras. Este acto foi organizado por AJE Ourense con motivo do Día Internacional das Mulleres (8M).
A xornada reuniu a emprendedoras e profesionais de distintos sectores no polígono industrial do Pereiro de Aguiar.
O talento feminino centra un encontro empresarial en Ourense
No acto participaron o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana. Ambos destacaron o papel do liderado feminino no tecido empresarial da provincia.

Durante a súa intervención, Pardo subliñou a necesidade de seguir avanzando na igualdade real. “Estamos a vivir un momento social no que é preciso traballar activamente a través da perspectiva de xénero para rexeitar calquera forma de discriminación e violencia e avanzar cara a unha sociedade igualitaria”, afirmou.
O delegado tamén sinalou que a Xunta impulsa políticas para mellorar a situación laboral das mulleres, fomentar o emprendemento e reducir as desigualdades, con especial atención á fenda salarial e ás mulleres do rural.
Pola súa banda, María Quintiana destacou programas da Xunta para impulsar o talento e o liderado feminino, como o programa Emega. Este programa, mobilizou nos últimos 13 anos máis de 32 millóns de euros, apoiou máis de 2.400 proxectos e contribuíu á creación de máis de 4.000 empregos.

Xa pola tarde, Manuel Pardo e María Quintiana asistiron tamén ao concerto pola igualdade organizado pola Deputación de Ourense no Teatro Principal.

