Noticias

A MIT de Ribadavia fixa datas para 2026

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) anunciou o Día Mundial do Teatro as datas da súa 42ª edición, que se celebrará do 17 ao 25 de xullo de 2026.

O evento desenvolverase ao longo de nove xornadas nas que a vila volverá converterse nun referente das artes escénicas contemporáneas.

A MIT de Ribadavia fixa datas para 2026

Baixo a dirección artística de Sabela Mendoza e Gena Baamonde, a MIT ofrecerá unha programación que combinará propostas galegas, estatais e internacionais.

A MIT de Ribadavia fixa datas para 2026

As representacións terán lugar en espazos emblemáticos como o Auditorio do Castelo, a Igrexa da Madalena e a Casa da Cultura, ademais de levar o teatro a rúas, prazas e outros recunchos de Ribadavia.

Os primeiros nomes do cartel daranse a coñecer no mes de abril. A organización mantén a súa aposta por consolidar a Mostra como un dos festivais históricos do panorama cultural galego e como un evento de referencia no ámbito escénico.

“A MIT é unha cita de verán imprescindible para moita xente, e traballamos para que así siga sendo. Interésanos ese espazo de celebración da cultura, pero tamén a súa capacidade de encontro e reflexión social”, destacan desde a dirección artística, que subliña o papel da arte como refuxio colectivo.

Convocado o 21º Premio Abrente de Textos Teatrais

Coincidindo co anuncio das datas, a MIT abriu tamén a convocatoria do 21º Premio Abrente de Textos Teatrais 2026. Este certame busca fomentar a creación dramática en lingua galega.

O galardón está dotado con 4.000 euros e inclúe a edición da obra gañadora dentro da Colección Premio Abrente. Poderán participar autores e autoras de calquera nacionalidade con textos orixinais e inéditos en galego.

O prazo de presentación de traballos rematará o 15 de xuño de 2026. O fallo do xurado será público no mes de xullo, no marco da propia Mostra.

Botón volver arriba