Noticias

Expourense consolídase como referente deportivo con 4.000 participantes en Sportur Galicia

Sportur Galicia converteu durante tres días a instalación de Expourense nun gran espazo deportivo que reuniu arredor de 4.000 deportistas de todas as idades, con e sen diversidade funcional.

O programa incluíu competicións, exhibicións, clases abertas e Copas Deputación organizadas por unha vintena de asociacións e entidades deportivas.

Expourense consolídase como referente deportivo con 4.000 participantes en Sportur Galicia

O recinto feiral consolidouse así como un dos principais escenarios deportivos da comunidade para a celebración de eventos autonómicos e nacionais. O pavillón central de Expourense, con 8.000 metros cadrados diáfanos e sen columnas, permitiu habilitar simultaneamente canchas e espazos para a práctica dunha vintena de disciplinas deportivas ao longo das distintas xornadas.

As dúas primeiras xornadas estiveron especialmente dirixidas á participación do alumnado de Educación Primaria e Secundaria de centros educativos da provincia de Ourense, que puideron coñecer e practicar diferentes modalidades deportivas.

A xornada deste sábado centrouse nas competicións provinciais de todas as categorías, converténdose no día das medallas, dos trofeos e das fotografías de equipo. Entre as probas máis destacadas figuraron a Copa Deputación de MiniBalonmán e a Copa Deputación de Pequevolei, que congregaron centos de deportistas e numerosos familiares durante toda a xornada.

O programa completouse con torneos de Roller Cross e bádminton, ademais de clases abertas de esgrima antiga, que espertaron o interese tanto dos participantes como do público asistente.

Expourense consolídase como referente deportivo con 4.000 participantes en Sportur Galicia
Foto: Expourense

A novena edición de Sportur Galicia non remata aquí. O evento continuará os días 3 e 4 de decembro coa celebración do VII Congreso Internacional sobre Turismo e Deporte, unha cita orientada ao ámbito profesional e que analizará as oportunidades e retos dun sector cada vez máis relevante para a economía e a promoción territorial.

Botón volver arriba