A Xunta de Galicia iniciou este luns as obras de asfaltado da rúa Progreso de Ourense, unha actuación incluída no proxecto de mellora de 13 travesías urbanas de titularidade autonómica, no que o Goberno galego investirá máis de 2,8 millóns de euros.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou o inicio dos traballos acompañado por técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas. As actuacións comezaron na rotonda de Concepción Arenal e avanzarán por toda a rúa Progreso ata a rúa A Coruña.
Comezan as obras de asfaltado da rúa Progreso de Ourense
Os traballos inclúen o fresado e reposición puntual das zonas máis deterioradas do firme e a extensión dunha nova capa de rodadura en toda a vía. Ademais, instalaranse tres pasos elevados executados con mestura bituminosa en quente para mellorar a seguridade viaria.

Manuel Pardo explicou que, durante a execución das obras, habilitaranse itinerarios alternativos de tráfico co obxectivo de reducir as molestias á cidadanía. Os desvíos estarán debidamente sinalizados e foron consensuados coa Policía Local de Ourense.
O delegado territorial destacou que o proxecto contempla tamén actuacións de reparación, rehabilitación e reforzo dos firmes e pavimentos das travesías autonómicas, tanto nas calzadas como nas beirarrúas. As obras completaranse coa renovación da sinalización horizontal e outras melloras complementarias para reforzar a seguridade viaria e a accesibilidade.

