A Asociación Española Contra o Cancro en Ourense desprazouse ata Vilardevós para dar a coñecer entre a veciñanza os seus programas e servizos gratuítos dirixidos a persoas con cancro e ás súas familias.
Esta actividade incluíu unha charla informativa na que participaron 21 persoas.
A AECC achega os seus servizos a Vilardevós
A sesión foi impartida pola xerente da entidade na provincia, Judit Vega, xunto coa traballadora social Kelly Pereira, profesional de referencia na zona. Durante o encontro explicaron o funcionamento da asociación, o seu labor en Ourense e a carteira de servizos dispoñible, que abrangue apoio psicolóxico, atención social e acompañamento.

No transcurso da xornada tamén se presentou o programa de voluntariado, detallando as distintas vías de colaboración. Entre elas, destacan o apoio emocional, o acompañamento a pacientes e familias, o voluntariado tanto domiciliario como hospitalario, así como iniciativas centradas na prevención e promoción da saúde.
Ademais, representantes da entidade mantiveron unha reunión de traballo coa alcaldesa de Vilardevós, Tamara Balboa, co obxectivo de explorar novas vías de colaboración, optimizar recursos e reforzar a visibilidade do labor conxunto en beneficio da cidadanía.