A XV Andaina Solidaria de Cenlle celebrarase o domingo 12 de abril baixo o lema “Camiñando coa Asociación Española Contra o Cancro”, consolidándose como unha das citas máis destacadas da comarca en apoio á loita contra o cancro.
A iniciativa combina deporte, saúde e solidariedade, reunindo cada ano centos de persoas que percorren os camiños do municipio nun ambiente de convivencia.
Cenlle acolle a XV Andaina Solidaria o 12 de abril
Parte da recadación das inscricións destinarase á Asociación Española Contra o Cancro en Ourense. Contribúese deste xeito ao financiamento de programas de investigación, prevención e acompañamento a persoas afectadas pola enfermidade.

A saída terá lugar ás 9:00 h desde o campo de fútbol de Barbantes. Este punto tamén servirá de chegada. A organización deseñou tres percorridos adaptados a distintos niveis de participación. A ruta longa contará con 20 quilómetros, mentres que a curta será de 13 quilómetros.
Ademais, haberá unha modalidade específica, a Andaina Baby, cun trazado de 2 quilómetros dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos, que incluirá servizo de ludoteca e monitores especializados.
O prazo de inscrición estará aberto ata o mércores 8 de abril de 2026, cun custo de 10 euros, dos que 3 euros se destinarán directamente á entidade solidaria. Tamén se habilita o chamado “Dorsal 0”, pensado para aquelas persoas que desexen colaborar mediante unha doazón sen participar na actividade.
A xornada rematará cun aperitivo solidario e un sorteo de agasallos, grazas á colaboración de empresas e entidades locais.