O Car Outlet Ourense pecha a súa oitava edición con cifras récord, ao acadar 135 coches vendidos e máis de 3.500 visitas en tres días, superando os rexistros do pasado ano.
O salón, organizado por Expourense e a Asociación de Concesionarios Oficiais de Automóbiles de Ourense (ACAUTO), coa colaboración da Deputación de Ourense, consolídase como unha cita clave tanto para o sector como para o público.
Car Outlet Ourense supera vendas e visitantes
Na edición deste ano participaron 20 concesionarios oficiais, que representaban 28 marcas e ofrecían máis de 400 vehículos de distintas gamas e motorizacións.

Segundo os expositores, o perfil do visitante é cada vez máis decidido. “Teñen claro o que buscan e coñecen os prezos de mercado. Veñen comparar e comprobar que aquí poden atopar mellores ofertas, o que lles anima a pechar a compra”, sinalan.
Ás operacións formalizadas durante o evento haberá que sumar as que se concreten nos próximos días. Moitos compradores empregan a feira como primeiro contacto antes de tomar unha decisión, dado o importante investimento que supón a adquisición dun vehículo.
Esta cita foi a primeira das tres feiras do motor previstas en Expourense para 2026. No mes de outubro celebraranse o Salón do Automóbil Novo (16 ao 18 de outubro) e o Salón do Automóbil de Ocasión (23 ao 25 de outubro), ambos na súa 17ª edición.
No calendario feiral, a próxima cita será Funergal, Feira Internacional de Produtos Funerarios, que alcanza a súa 13ª edición. Será a primeira das convocatorias internacionais do recinto este ano, xunto con Termatalia e Xantar.