Un concurso de Tapas terá lugar en Maceda durante a Semana Santa de 2022 contando coa participación de 12 establecementos da hostalaría local.
A Semana Santa é unha época propicia para o turismo. As vacacións escolares fan posible a mobilidade das persoas e en Maceda queren que os visites.
Concurso de Tapas en Maceda
Unha das razóns que atoparás para visitar Maceda durante estas datas é o III Concurso de Tapas Maceda 2022. Este evento gastronómico pon en valor a calidade dos pinchos que se preparan nesta vila. Por outro lado, a organización deste concurso servirá de axuda para un sector que leva sufrido dous anos de atrancos.
As tapas que participan no concurso estarán a disposición os días 8, 9, 10, 13, 14, 15 e 16 de abril. As persoas que participen neste concurso entrarán ademais no sorteo de valiosos regalos. Unha tablet ou unha televisión de 32″ supoñen unha boa motivación para participar.
A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Maceda organiza esta actividade coa colaboración do Concello de Maceda.
A maiores do concurso, os sábados 9 e 16 de abril, as rúas de Maceda contarán con animación musical. As charangas A Felga e Os Escachapeitos tocarán polos locais participantes para crear o necesario ambiente festivo.