As festas da Follateira en Ourense traerán consigo cortes e restricións de tráfico en diferentes puntos da cidade entre este xoves 7 e o domingo 10 de maio.
Segundo informou a Policía Local do Concello, as rúas afectadas son principalmente a avenida de Bos Aires e a avenida Otero Pedrayo.
As festas da Follateira provocarán cortes de tráfico en Ourense
Os cambios na circulación comezarán o xoves 7 de maio, cando a partir das 11:00h se aplicará unha restrición parcial ao tráfico na avenida de Bos Aires. Afectará ao tramo comprendido entre a rúa Silveira e a rúa Iglesias Alvariño, para facilitar a montaxe das atraccións festivas. Durante este período, só poderán acceder autobuses, vehículos de emerxencia e residentes.

Xa o venres 8 de maio, a avenida de Bos Aires quedará totalmente pechada nese mesmo tramo desde as 19:00 ata as 01:00 h. Ademais, na avenida Otero Pedrayo cortarase o tráfico ás 18:00h entre as glorietas de Iglesias Alvariño e Villamil y Castro. O vial de servizo pecharase ás 20:00h.
O sábado 9 de maio repetiranse practicamente as mesmas restricións. A avenida de Bos Aires permanecerá cortada desde as 16:00 ata a 01:00h, mentres que en Otero Pedrayo os cortes activaranse ás 18:00h no tramo principal e ás 20:00h no vial de servizo.
Por último, o domingo 10 de maio, desde as 11:00 ata as 14:00h haberá unha restrición parcial na avenida de Bos Aires. Será con motivo dunha exposición de vehículos clásicos, mantendo o acceso para autobuses, emerxencias e residentes. Pola tarde, a partir das 16:00h, establecerase o corte total da vía para o desenvolvemento das actuacións musicais e das atraccións.

