As obras de asfaltado, pavimentación e acondicionamento integral da rúa do Progreso obrigarán a establecer cortes totais ao tráfico en diferentes tramos desde o luns 13 ata o domingo 19 de xullo, segundo informou a Policía Local de Ourense.
A actuación será executada pola Xunta de Galicia e implicará restricións á circulación, ao acceso aos garaxes e cambios puntuais no servizo de autobús urbano.
Cortes de tráfico na rúa do Progreso por obras de asfaltado
Os traballos comezarán o luns 13 de xullo, ás 06.00 horas. Estará pechado ao tráfico o tramo comprendido entre a praza de Concepción Arenal e a rotonda de San Rosendo (Concordia). O martes 14, tamén desde as 06.00 horas, o corte trasladarase ao tramo entre a glorieta de San Rosendo e a rúa Parada Justel.

Nas fases posteriores, as obras continuarán entre a baixada á Praza de Abastos e a intersección coa rúa da Coruña e a avenida de Zamora. Durante a execución dos traballos, a circulación de vehículos permanecerá totalmente suspendida na zona afectada debido á presenza de maquinaria pesada e ás actuacións sobre a calzada.
O Concello tamén informa de que os accesos aos garaxes e vaos particulares situados no perímetro das obras permanecerán inhabilitados ata a finalización das actuacións.
A Policía Local coordinará o dispositivo especial de seguridade viaria mediante a instalación de valados e sinalización provisional, ademais de supervisar o desenvolvemento das obras. O acceso para vehículos de emerxencia e servizos esenciais estará garantido en caso de ser necesario.
As restricións tamén afectarán ao autobús urbano durante a xornada do luns. Modificaranse os percorridos da liña 4 (Eirasvedras-Antiga Estación-Seixalbo), só en sentido Seixalbo; da liña 5 (Reza-Ceboliño), só en sentido Ceboliño; e da liña 6 (Antiga Estación-As Curuxeiras), unicamente en sentido As Curuxeiras. O martes, segundo o Concello, as rutas do transporte urbano manteranse sen cambios.

