Noticias

Arteficial busca 3.000 € para non desaparecer

O Festival Arteficial de Ribadavia lanza un crowdfunding para garantir a súa continuidade tras 20 anos de cultura autoxestionada no rural galego.

A iniciativa, impulsada pola Asociación Cultural Arteficial, recorre á plataforma Goteo cun modelo “todo ou nada” que obriga a acadar un mínimo de 3.000 euros nun prazo de 40 días.

Arteficial busca 3.000 € para non desaparecer

A organización alerta de que, de non conseguir esta cantidade, a XX edición do festival non poderá celebrarse por falta de financiamento para cubrir a infraestrutura básica.

Arteficial busca 3.000 € para non desaparecer

O evento, nacido en 2006 como unha «rebelión cultural», consolidouse como unha proposta alternativa, inclusiva e sostible en Ribadavia, vila declarada Ben de Interese Cultural.

Un referente cultural no Ribeiro

O Festival Arteficial destaca por un modelo interdisciplinar que vai máis alá das datas do evento. Ao longo do ano promove actividades culturais e interxeracionais que dinamizan o territorio do Ribeiro, combinando música emerxente galega con propostas estatais e internacionais.

A súa estrutura inclúe tres escenarios simultáneos: un espazo ao aire libre orientado á convivencia, outro na igrexa da Madalena para concertos acústicos e un terceiro no centro da vila para actuacións máis festivas. Ademais, mantén un forte compromiso social con protocolos contra a violencia machista, defensa do colectivo LGTBI+ e adhesión ao Pacto de Cultura Sustentable.

Entre outras iniciativas, o festival aposta por unha entrada solidaria en colaboración coa Cruz Vermella do Ribeiro, baseada na doazón de alimentos, e habilita espazos como punto violeta e arcoiris, patrulla verde para o control ambiental e un mercado de segunda man e artesanía.

Ao longo das súas 19 edicións, pasaron polos seus escenarios artistas como Bala, Fillas de Casandra, Noiserv ou Def Con Dos, xunto a bandas internacionais de distintos países.

Un proxecto sostido polo voluntariado

A organización corre a cargo dunha asociación sen ánimo de lucro formada por veciñanza do Ribeiro. O equipo conta con case dúas décadas de experiencia e estrutúrase en áreas como comunicación, contratación, loxística ou deseño, ás que se suman profesionais contratados durante o evento.

Chamamento á colaboración

A campaña de micromecenado non só pretende asegurar a edición de 2026, senón tamén preservar un modelo cultural que aposta pola accesibilidade, a sustentabilidade e a identidade propia no rural galego. A organización fai un chamamento tanto á veciñanza como ao público galego e a todas aquelas persoas que apoian proxectos autoxestionados fóra dos circuítos comerciais.

Botón volver arriba