A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia 2026 celebrará a súa 42ª edición entre o 17 e o 25 de xullo cunha programación marcada pola memoria histórica, a música e a creación contemporánea.
Esta cita, dirixida por Sabela Mendoza e Gena Baamonde, aposta un ano máis pola diversidade de linguaxes escénicas e pola reflexión social.
A MIT Ribadavia 2026 aposta pola memoria e a música
A MIT 2026 abrirase coa compañía galega Chévere e a obra ICTUS (anatomía de ‘A derradeira leición’ de Castelao), centrada na memoria democrática e na desmemoria histórica. Tamén destacan propostas como José Afonso, ao vivo nos Coliseus, 1983, do Teatro Experimental do Porto, arredor da figura do cantante portugués Zeca Afonso, ou A Fortaleza, da compañía A Feroz, sobre a resistencia antifranquista galega.

A música terá un papel relevante nesta edición coa participación de Cris Balboa, que presentará Roland mon amour, e da bailarina Janet Novás xunto á artista Mercedes Peón, que levarán a Ribadavia Mercedes máis eu, espectáculo co que se despedirán dos escenarios.
A programación completarase con propostas internacionais e contemporáneas como as de Paula Quintana, Poliana Lima ou o coreógrafo francés Jérôme Bel.

