O Grupo Municipal Socialista de Ribadavia reclama a dimisión do alcalde tras coñecer que o Concello non tramitou a documentación necesaria para acceder a unha subvención estatal que podería superar os 300.000 euros para reparar os danos causados polas inundacións do pasado inverno.
Segundo os socialistas, o propio Concello comunicara ao Goberno do Estado danos valorados en 616.000 euros en pontes, camiños municipais, paseos fluviais, redes de abastecemento e saneamento e outras infraestruturas.
Ribadavia perde unha axuda de máis de 300.000 euros tras os danos das inundacións
A axuda podía financiar ata o 50 % do investimento realizado.

O PSOE considera que a perda destes fondos supón unha “gravísima falta de xestión” e un importante prexuízo económico para o municipio. Ademais, sinala que outros 43 concellos da provincia e a Deputación de Ourense si accederon a esta liña de financiamento.
Os socialistas aseguran que, na comisión celebrada este xoves, a concelleira responsable do servizo recoñeceu que non dispoñía de información sobre os motivos polos que non se presentou a documentación. A responsable municipal comprometeuse a responder por escrito ás preguntas formuladas pola voceira socialista.
O grupo da oposición reclama explicacións sobre por que non se presentou a documentación, quen tomou esa decisión, se existiu algún informe técnico ou económico que a xustificase e cal é a contía exacta que deixou de percibir Ribadavia.
O PSOE considera que a perda desta subvención non constitúe un simple erro administrativo, senón unha mostra de “improvisación e falta de responsabilidade” na xestión municipal. Por este motivo, reclama que o alcalde asuma responsabilidades políticas e presente a súa dimisión.

