¿Que é o 8M para Uxía Tizón? Deputada por Ourense no Congreso.
É toda unha declaración de intencións. Unha tentativa de que o mundo se tinga de empoderamento da muller. Unha oportunidade de alzar a voz para que se escoite en cada recuncho, co obxecto de atopar a transversalidade na persistente cita coa igualdade, porque a defensa dos dereitos da muller só persegue o respecto á dignidade humana.
O 8-M é unha aperta longa e compacta, capaz de protexerte do frío e renovarte. É esa multitude que fai lembrar a todas esas mulleres que a historia mudou a un segundo plano, pero que están moi vivas. Seguen vivas.
Mulleres das que recollemos a testemuña do seu legado para continuar na loita, pois os ventos de liberdade estiveron coándose polas fendas, e convertéronse en furacáns imparables.
Esta data simboliza as ganas de salarios dignos, de ter o recoñecemento merecido, ganas de novas xeracións de mulleres resilientes, ganas de ver o mundo con igualdade. Atopar ese espazo no que todas as áreas e institucións sexan quen de promover e cooperar incesantemente.
O 8-M é a vindicación multitudinaria, interseccional e plural que amosa o importante de erguerse e avanzar para erradicar as opresións, as exclusións e as diferenzas que existen, a través dunha acción conxunta marcada a través da nosa loita.
Unha liña que se transforma en círculo capaz de axuntar a todas e todos e lembrarnos que podemos e debemos cambiar as cousas conxuntamente.
Este 8-M non precisamos saír ás rúas para seguir avanzando. É o momento de que o aura morado teña presenza en cada lugar, en todo momento. Momentos para sentir a todas esas mulleres e homes que fixeron posible que tantas portas fosen abertas para non volver a pecharse nunca.
Porque foron, somos. Porque somos, serán.
Uxía Tizón Vázquez – Deputada por Ourense no Congreso