Ribeiro en Común cuestionou o anuncio da posible fusión entre os concellos de Ribadavia e Carballeda de Avia e reclamou un proceso máis amplo, participativo e transparente.
A formación considera que a iniciativa se presentou con «presas» e «malas formas», coincidindo ademais coa semana de inauguración da Mostra Internacional de Teatro (MIT).
Ribeiro en Común reclama ampliar a proposta de fusión municipal no Ribeiro
Nun comunicado, o grupo asegura que unha decisión desta relevancia debe sustentarse en informes técnicos e nun debate público, e critica que a proposta se limite unicamente a dous municipios. Segundo sostén, a unión municipal debería abranguer a un maior número de concellos da comarca do Ribeiro para acadar unha verdadeira reorganización territorial.

A formación tamén considera que a iniciativa desvirtúa a moción aprobada no pleno a proposta de Ribeiro en Común, na que se defendía unha unión municipalista máis ampla. Por iso, solicita incorporar ao proceso concellos como Beade, Melón, A Arnoia, Castrelo de Miño, Cenlle, Leiro, Cortegada e Avión.
Ademais, Ribeiro en Común pide que o procedemento se desenvolva con total transparencia, con informes técnicos, participación cidadá e unha consulta aos veciños e veciñas dos municipios implicados. Tamén propón que, aínda que o proceso poida iniciarse agora, a eventual fusión se deixe para despois das próximas eleccións municipais, ao considerar improcedente adoptar unha decisión deste alcance a poucos meses dos comicios.
A formación conclúe que a unión de municipios pode ser unha boa oportunidade para mellorar o financiamento e a cooperación institucional, pero advirte de que, se non se leva a cabo con rigor e consenso, «unha boa proposta pode acabar convertida nun sucedáneo do que realmente necesita o Ribeiro«.

